Monday 20 de May de 2024

As parcelas rústicas vendidas, herdadas ou cedidas ao banco de terras poderán obter unha dedución fiscal do 100 por cento se son destinadas a explotación agraria


O titular da Xunta avanza que a nova Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia contará con importantes beneficios fiscais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación para a súa remisión ao Parlamento da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; unha lei, dixo, que contará con importantes beneficios fiscais xa que, desde a súa entrada en vigor, as parcelas rústicas vendidas, herdadas ou cedidas ao Banco de Terras poderán obter unha dedución fiscal do 100 por cento do imposto se son destinadas á explotacións agraria.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo afirmou que esta lei se enmarca de cheo no obxectivo de goberno de dotar de maior competitividade o medio rural, “de aproveitar ao máximo os recursos e as riquezas naturais instaladas no noso agro e de seguir poñendo en valor o medio rural e posibilitar que a xente acuda a el como un lugar seguro de traballo e axeitado para vivir”. E pretende, ademais, ofrecer solucións ás trabas que afrontan hoxe as explotacións, con tres grandes obxectivos: facilitar maior rendibilidade das explotacións, maior simplificación da tramitación destes procesos e maior protección das parcelas e das súas condicións.

No tocante ao primeiro obxectivo, o titular do Executivo galego explicou que o novo texto inclúe dúas novidades relevantes: un novo concepto de reestruturación parcelaria, que supera a dimensión e capacidade de actuación da actual concentración parcelaria, xa que o obxectivo principal non é tanto a diminución do número de parcelas senón manter os usos das fincas, é dicir, que as fincas non só se concentren senón que produzan. E se inclúen, por primeira vez, os solos de núcleo rural no perímetro de actuación da reestruturación parcelaria, dando resposta a unha das principais demandas dos propietarios de explotacións e sen afectar aos procesos de ordenación urbanística.

Así mesmo, o documento establece tamén unha maior simplificación dos trámites, cun procedemento máis curto no tempo que o actual: “simplificamos o procedemento, diminuímos o número de fases, mellorando o sistema de entrega e tramitación da documentación; e diminúen os custos de execución da reestruturación parcelaria optimizando os recursos dispoñibles e aforrando na execución das obras”.

En terceiro lugar, Feijóo salientou que o novo texto avoga por unha maior protección das fincas. E, nesta liña, resaltou que o lei permitirá a declaración de determinados perímetros de fincas como abandonados cando se dean circunstancias como o risco de incendio, que xa fosen obxecto de incendio ou que exista demanda de terra polas explotacións colindantes.

Tal e como explicou o presidente autonómico, o propietario destes terreos terá tres posibilidades: arrendalos a terceiros, ser incorporados ao Banco de terras ou realizar unha agricultura de conservación.

Por outra banda, tamén se recolle a mobilización das fincas xa concentradas que estean en estado de abandono: “As fincas que foron obxecto de concentración parcelaria e abandonadas, posteriormente, polos seus propietarios pasarán tamén a esta consideración tendo os propietarios a obriga de arrendalas, de incorporalas ao Banco de terras ou de utilizalas para efectos agrícolas.

A Xunta pode actuar de oficio naquelas zonas que detecte en estado de abandono e que teñan evidente interese agrario –posta en produción- ou perigo ambiental –incendios forestais-.

No tocante á fiscalidade, o presidente da Xunta fixo fincapé en que as transmisións en propiedade ou a cesión temporal de terreos integrantes do Banco de terras contarán cunha dedución na cota tributaria no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados do 100 por cento.

Así mesmo, as fincas rústicas soltas que sexan herdadas poderán contar cunha dedución fiscal do 99 por cento, tanto se son transmitidas a unha explotación agraria cun agricultor profesional ao fronte como se son incorporadas ao Banco de terras. “Ata o momento, esta dedución só era aplicable para as explotacións agrarias e a partir de agora serao tamén para as parcelas rústicas”, abundou, ao que engadiu que o mesmo ocorrerá no caso dunha cesión ou venda inter vivos.

Feijóo concluíu insistindo no obxectivo desta lei de tratar de adecuar a estrutura agraria en Galicia ás necesidades das explotacións, e logralo con maior axilidade e incorporando ao mesmo tempo as fincas que están en manifesto estado de abandono.

O presidente da Xunta avogou por seguir poñendo en valor o medio rural para que sexa accesible para traballar e, por tanto, accesible para vivir. Unha dirección que, segundo lembrou, o Goberno galego xa emprendeu a pasada lexislatura: destinando ata 2013 máis de 60 millóns de euros que permitiron que preto de 3.000 mozos se incorporaran ao rural; priorizando no sector lácteo o pago das axudas da PAC; facilitando no sector vitivinícola o financiamento ás adegas para que puideran ter maior liquidez durante a vendima; e apostando de forma decidida por mellorar a base territorial das explotacións agrarias, coa Lei de Mobilidade de Terras e coa primeira Lei de Montes da historia de Galicia; “e, agora, únese a primeira Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia”.